Revivindo a Cultura Mariñeira Galega
Proxecto de restauración e transformación
Neste proxecto, en colaboración directa coa Asociación Cultural O Caramuxo (n. de rex. da Xunta de Galicia: 2016- 20632, CIF G94139235) da Illa de Arousa, embarcámonos (nunca millor dito) na viaxe única de proseguir coa restauración e transformación dun barco tradicional de vela, da tipoloxía tradicional galeón chamado O Daniel, construído íntegramente en madeira.

O proxecto consite en crear nel un espazo de formación, teatralidade e música, un espazo social activo e dinámico que celebre e reviva a riquísima cultura mariñeira galega e os valores ecolóxicos da Axenda 2030. O noso obxectivo é non só preservar unha parte importante da nosa historia mariñeira, senón tamén ofrecer un lugar para a aprendizaxe, a creatividade e a conexión co entorno natural mariño.
Restauración do Barco
O noso barco, pola súa tipoloxía é un símbolo do patrimonio mariñeiro de Galicia (como así consta en Culturmar, Federación Galega) e polo tanto está sendo meticulosamente restaurado para acadar o seu estado orixinal. Cada prancha de madeira, cada elemento tipolóxico, cada vela e cada elemento serán tratados cun coidado especial para garantir a súa autenticidade e durabilidade. A restauración non só preservará a historia do barco, senón que tamén permitirá aos visitantes experimentar a artesanía e o traballo manual tradicional. O emprego da talasonimia e a recuperación por tradición oral etc.
Centro de Actividades Formativas, Culturais e Medioambientais
Unha vez completada a restauración, o noso barco transformarase nun centro vibrante de actividades. Dende obradoiros de navegación tradicional (emprego de astrolabios e sextantes) , ata clases de artesanía mariñeira, ofreceremos e xa ofrecemos unha ampla variedade de programas educativos e culturais para todas as idades. Amais, integraremos aspectos medioambientais en tódalas nosas actividades, suliñando a importancia da preservación e coidado da biodiversidade nos nosos océanos e ríos, recollida e limpeza do mar (plásticos etc).
O barco é e será unha autentica Universidade Flotante, coa instalación dunha biblioteca de a bordo, musealización de elementos e artes de pesca , emprego de tecnoloxía etc. Para estas actividades formativas a Asociación Cultural O Caramuxo conta cunha axuda proporcionada pola Deputación de Pontevedra e cun convenio coa Fundación Terrum, entidade de ámbito Galego que a súa vez conta con convenios de colaboura coa UNED entre outros. Polo tanto a difusión das actividades esta garantida por medio das canles nas que participa esta entidade xunto a outras iniciativas como a Universidade da Diversidade ou mesmo a canle de Youtube de Terrum Social.
Reivindicación da Cultura Mariñeira Tradicional Galega
Máis aló de ser simplemente un centro de actividades, o noso proxecto aspira a ser unha voz para a reivindicación e a celebración da cultura mariñeira tradicional galega. A través de eventos culturais, exposicións e colaboracións con comunidades locais, queremos compartir a rica historia e os valores que definiron e definen aínda a nosa relación co mar durante séculos.
O barco coma cenario
Amáis das actividades formativas e culturais mencionadas anteriormente, o noso barco converterase tamén nun fascinante escenario para a representación de obras teatrais e concertos musicais. Imaxina a cuberta da nosa nao convertida nunha tarima onde artistas locais e visitantes poden compartir a súa arte coa brisa mariñeira como testemuña. Dende dramas históricos que evocan os fitos nos eidos da navegación galega ata concertos de música tradicional que fan eco nas ondas do mar, cada evento será unha experiencia inesquecible que conectará ao público coa nosa rica tradición cultural mariñeira.
Conclusión
Este proxecto non é só sobre a restauración dun barco; é sobre a restauración dunha parte fundamental da nosa identidade como pobo mariñeiro. Convidámosvos a unirvos connosco nesta emocionante aventura de revivir a cultura mariñeira galega, onde cada onda nos lembra da nosa conexión eterna co mar e co noso pasado.













